domingo, 30 de agosto de 2015

Son irracional

Dende pequena sempre me gustou buscar a resposta das cousas que non entendía. Mantíñame (e sígoo facendo) escéptica sen crer no que non se podía ver, ou no que non ten unha explicación. Fai tempo que deixei de crer que hai un Deus responsable deste universo, prefiro falar de Big Bang, anque aínda hoxe existan un feixe de interrogantes respecto a como se orixinou a que agora é a nosa casa.

Son unha persoa á que sempre lle atraeron as ciencias, disciplina que me levou á universidade e que, espero, dedicarei a miña vida con amor e constancia. Fálovos dun ámbito no que se procura contestar a tódalas cuestións plantexadas, cunha explicación coherente. Non vale ter fe. 

Cando contaba os anos cunha soa man aterrorizábanme as tempestades. Botábame á cama, subía as sábanas até non ver nada e pechaba os ollos con forza, esperando a que pasase. Hoxe sei que son fenómenos naturais, que vai antes o raio que o trono porque a luz viaxa máis rápido que o son, e que a probabilidade de que che caia un raio encima é ínfima. E sen embargo, nesta noite de tempestade, oio tronar e frunzo o ceño. E levo o dedo pulgar á boca buscando a uña. Con todo, aquela nena segue dentro de min. Con todo, son irracional.