martes, 28 de agosto de 2012

Anticipando

O Presidente da Xunta de Galicia saiu hoxe en rolda de prensa para anunciar que adianta as eleccións autonómicas ao día 21 de outubro de 2012, coincidindo coas do País Vasco. A noticia non fixo máis ca debuxar sorrisos e provocar suspiros de tranquilidade no goberno central de Madrid, pois a artimaña está, canto menos, moi ben pensada.
A xente está sentada nas súas casas, impasible ante o furacán que se lles vén enriba. Un rescate de dimensións inconmesurables aproxímase mentras os medios de comunicación se enchen a boca con palabras coma "rescate lixeiro" ou "condicións óptimas". Un, cada vez máis, van intento de calmar á poboación.
Avecíñase un ano moito peor ca o presente, máis recortes, menos prestacións, máis capital, menos persoas. Chegamos ao extremo no que xa non importa que alguén morra ás portas dun hospital polo feito de non ter papeis no Estado Español, no que miles de estudantes se ven asoballados polos estratosféricos prezos das matrículas universitarias e a retirada inminente das becas, no que, por primeira vez en moito tempo, funcionarios e funcionarias de todo o Estado se botan á rúa para dicir: "basta, estades chegando demasiado lonxe".
O Goberno sábeo, sabe que a poboación civil está queimada, e que iso pode ter repercusións directas para eles. Nun movemento estratéxico, as eleccións de Galicia pasan de ser en marzo de 2013, a outubro de 2012. Unha gran xogada do líder Feijóo que, sabedor das reaccións que vai ter sobre a xente un máis ca seguro rescate, realiza a maniobra perfecta para conservar (ou incluso aumentar) os votos. Se a isto lle sumamos a feira sen sentido que se está armando no Bloque Nacionalista Galego, no que os seus integrantes parece que se esqueceron do obxectivo común que todos eles compartían e decidiron escindirse en absurdos camiños, o resultado está máis que claro. E non fai falta ser un adiviño.


Eu non digo nada, pero dígoo todo: cando un gobernante adianta as eleccións para conservar votos, non quero nin saber a que se nos vén enriba en 2013. Algo que, ben sabedor é o noso Presidente diso, podería facerlle cambiar de opinión ao pobo respecto ao seu voto, ata agora, "máis ca claro".


No hay comentarios:

Publicar un comentario