sábado, 16 de julio de 2011

Chama viva

Todos nós temos dentro unha chama de lume que arde intensamente dende que nacemos. É a que nos permite vivir, a que nos fai ser quen somos. A vida pónnos a proba con desafíos e circunstancias que tambalean esa chama, que a ocultan, facéndonos pensar que xa non está viva; á vez que nos regala momentos inolvidables que a intensifican e a fan vibrar melodiosamente.
O curioso desta chama é que, pase o que pase, non se apaga. Un día pode ser negra de tristeza e tornar vermello paixón, ou azul de liberdade. Mais segue ardendo. Unha persoa completamente desgraciada terá a súa chama con cicatrices e malferida, pero arde igualmente con forza.
Cada sorriso, cada mirada, cada lágrima, cada fracaso, cada palabra, cada bico, cada vivencia; todo forma parte desa chama. E non hai nada que consiga apagala. Se pensas que desapareceu, dille ao mundo que estás aquí, faite oír, vive. Arderá coma nunca.

2 comentarios: