lunes, 18 de julio de 2011

Sombreiro de copa

De súpeto, un mago irrompeu no escenario, no medio dun silencio sepulcral e unha escuridade rota pola luz do foco principal, que o iluminaba a el. O individuo ía vestido cuns pantalóns negros, chaqué e un alto sombreiro de copa. Os seus torpes andares delataban patosidade, mais a súa mirada transmitía unha confianza case irreal. Quitou o sombreiro lentamente e puxo a parte oca mirando cara arriba. Pechou os ollos, inspirou profundamente e CHAC! Chiscou os dedos, meteu a man no sombreiro e sacou unha rosa. Segundos despois, a flor era consumida por un lume invocado polo mago, ante os atónitos espectadores que emitían xestos e sons de asombro.
Un neno duns 7 anos miraba a aquel ser sobrenatural obrar aqueles actos tan marabillosos. O meniño non pasou desapercibido para o mago, que non dubidou en baixar do escenario e achegarse a el. O pequeno asustouse, mais no fondo non desconfiaba daquel señor. O mago agochouse para estar á mesma altura, púxollle a man no ombro e díxolle: Se cres na maxia, a maxia existirá. Vivirás miles de instantes máxicos que te deixarán sen alento, que che roubarán un sorriso, que che farán preguntarte se todo é real neste mundo. E, con aquelas verbas, o mago desapareceu tras unha nube espectral de fume.
John chegou á casa e meteuse na habitación. Pousou o sombreiro de copa na cama e quitou o chaqué, sentíase algo ridículo vestido desa forma a esas horas. Foi ao baño, lavou a cara e topouse coa súa imaxe reflexada no espello, que lle devolvía a mirada. Unha mirada triste, vacía. Ao día seguinte comezaba outra vez a monótona rutina da súa vida. Tirouse na cama e pechou os ollos, unha vez máis, para perderse na infinitude, para xogar coas sombras do subconsciente e para olvidar aquela vida apagada, sen cor, sen maxia.

1 comentario:

  1. outra que se nega a creer que somos muggles... sentime identificado co rapaz. boa entrada :)

    ResponderEliminar