jueves, 23 de junio de 2011

Chances

Síntome totalmente decepcionada polo denigrante sistema educativo do que "goza" o noso país.Onte saíron as notas das PAU, boas e malas, pero nunca chove a gusto de ninguén.
Persoalmente non sei se vou entrar na carreira que máis me gusta, pero esa non é a maior das preocupacións.
Sorprendeume negativamente o corrupto e manipulado que está este sistema, no que o bacharelato é unha mafia na que se trafica e negocia polas notas e as PAU un circo no que unha panda de paiasos van dicirche se vales ou non para estudar unha carreira.
Soa algo extremista, pero despois de ter pasado por todo isto podo dicir que aquela seriedade e formalidade coa que se trataban asuntos relacionados con este tema, desmoronouse dando lugar a unha visión completamente distorsionada dunha realidade na que a inxustiza cobra un papel fundamental.
O que eu propoño, como boa revolucionaria que son (cando me apetece, iso si), é un cambio. Ou varios, a poder ser:

- O Bacharelato. Aumentar a súa duración, eu optaría por facelo en tres anos. NUNCA reducir contidos, todo coñecemento é pouco, pero si saber repartilos. Con isto conseguiriamos alumn@s menos estresados (máis que nada por non estar pendente de si vai dar tempo ou non a acabar), máis preparados e moito máis competentes, pois a asimilación dos coñecementos sería case total ou total. É clave dispoñer de tempo de impartilos con calma. Reforzaríanse os obxectivos que ten a educación: saber, aprender e madurar.

-As PAU. Aquí e onde me vou desafogar largamente. Podería soltar unha serie de 500 improperios que simbolicen a miña indignación respecto a este punto, pero como corresponde a unha crítica formal e ben feita, opto por non recurrir a eses métodos.
Tamén chamada "Selectividade" (porque selecciona, claro. Non me gusta nada a palabra "seleccionar". Implica "descartar". É unha palabra fea.), consiste nunha serie de exames realizados a contrarreloxo en tres días, nos que te examinan de todo o que se deu en segundo de Bacharelato. Dan a escoller entre certas asignaturas, como por exemplo entre Historia de España ou Historiada Filosofía. As da fase específica tamén se poden elixir ao gusto do consumidor.
Hoxe en día, as PAU teñen un peso dun 40 % sobrea media total. É un sistema xusto, non se poden equiparar dous anos de traballo con tres días de exames. Xusto, xusto...é realmente xusto? Falamos de xustiza cando falamos das PAU? Ou máis ben de INxustiza? É xusto que un alumno que non abriu un libro para preparar o selectivo leve máis nota ca un que si o fixo? É xusto que o alumno perxudicado non poida cursar os estudos desexados, mentres que o outro, por un golpe de sorte, si pode? NON debemos permitir que algo tan sumamente incontrolable como o azar interveña con tanta magnitude en algo tan serio e tan decisivo como é o noso futuro.
Por isto propoño que o peso das PAU na media xeral se reduza ao 30 %. Non podemos arriscar o traballo de dous anos en tres días de forma tan radical.
Outro punto que me gustaría destacar é a falta de organización que existe nestas probas. Datos erróneos en exames, exercicios de dificultade desorbitada e non correspondida co temario de segundo, correccións que tiran para abaixo...
Pero bueno, o sistema foi sempre así, e dubido bastante que o cambien. Saímos moitas persoas perxudicadas, pero mentras haxa outro bando beneficiado, a cousa vai seguir tal e como foi sempre.

E o peor está por vir. Todo este sistema perxudícanos no sentido de que, ademais de non darnos oportunidades, quítannos as escasas que temos. Que imos facer, entón, se nos privan desta forma de poder estudar o que queremos? Marchar a outro sitio. Non queda outra. Con 17-18 anos entramos nunha encrucillada na que temos que decidir se realmente merece a pena loitar polo que desexamos e ata que punto estamos dispostos a chegar para conseguilo.

Moita xente da miña idade (na que, probablemente, me inclúa) vai ter que ir lonxe estudar o curso que vén. Ademais da dificultade que supón sempre adaptarse a un sitio diferente ao que se está acostumad@, os gastos son máis ca notorios: o lugar onde vivir, a matrícula, os recursos; supoñen altos prezos, sobre todo cando a cidade de destino é máis ou menos destacada.

Se nos privan do que queremos e polo cal loitamos, entón esta é a solución. Eu e moita xente máis témolo ben claro: se non é aquí, será noutro sitio.




De todas formas non sei para que escribo todo isto, creo que din por aí que a vida non é un camiño de rosas e que pode ser de todo menos xusta. Non sei. Quero pensar que existen cousas remediables, e esta é unha delas. Quizais sexa hora de comezar a reflexionar.





Ademais é que...nunca me gustou iso de quedar calada se teño algo que dicir.







Si no podemos soñar, no os dejaremos dormir (Cartel de manifestación indignad@s)




No hay comentarios:

Publicar un comentario