domingo, 26 de junio de 2011

Erre que erre

Continúa a miña protesta contra o gran traballo feito pola CiUG este ano. Teño que dicir que, ao principio, pensaba que eu era unha máis d@s alumn@s que tiveron mala sorte na Selectividade, unha posibilidade que é totalmente factible. Sen embargo, hai algo que non me cadra. Cada día me atopo con máis persoas que están na mesma situación ca min: un bacharelato moi bo, unha carreira como obxectivo, unhas expectativas, unha decepción e unha causa común: as PAU.
Nunca me gustou iso de protestar contra algo co que non se pode loitar, mais a situación que estou vendo faime pensar que somos un colectivo (amplo, ademais) claramente perxudicado por este sistema.
Poden correr ríos de tinta, pódense facer eventos polas redes sociais, berrar aos 4 ventos a inxustiza cometida, pero eu, hoxe por hoxe, penso que calquera destas protestas non vai ter ningunha alteración a nivel práctico.
O feito, feito está. Que somos nós @s perxudicad@s? Sen dúbida ningunha, nós temos que pagalo todo, e que nos custa?: uns cantos que non entran na carreira que sempre quixeron facer, outros que se ven obrigados a "emigrar" a outras comunidades para poder facela (que non todo o mundo está de acordo, ademais, se falamos dunha cidade máis ou menos grande os gastos increméntanse) e outro sector que entra nunha encrucillada difícil na que ten que decidir entre opcións coma tomarse un ano sabático ou meterse a ciclos ou semellantes.
Prematrículas, listas de admitidos, listas de espera...e mil papeis máis temos que arranxar neste verán de locura. Fácil para @ que xa conseguiu o que quería. Pero para os demais...
Porque, indo máis lonxe, plantéxasenos unha dúbida importante: que é o que eu quero realmente? Quero facer unha carreira? Cal é a que máis me gusta? Estaría dispost@ a irme lonxe para facela ou en cambio prefiro outra que me atrae menos para non pasar excesivamente lonxe o primeiro ano? Eu sei o que quero. Quero que a CiUG e os seus membros se dean de conta da pifia que meteron este curso, para que non se repita nos posteriores. Poden xogar co que queiran, pero nin se lles ocorra facelo co noso futuro.

No hay comentarios:

Publicar un comentario