martes, 5 de julio de 2011

Robots

Levántanse polas mañás e déitanse á noite. Respiran, comen, beben. Observan, pero o observado resúltalles indiferente. Saben falar, mais só din o imprescindible. Non interveñen, escoitan, pero non se interesan. E mil cousas máis.
Entón, estes seres pensan? Claro. Son seres humanos (contradigo o título da entrada, si), con isto é suficiente para argumentar a miña afirmación, que hoxe non estou para darlle voltas ao asunto de si pensamento é sinónimo de humanidade. Vamos supoñer que si.
Teño que dicir que para min a palabra pensar conleva, non só formar imaxes do que nos rodea na nosa mente, senón reflexionar sobre elas. Se alguén ten que coller o libro de Bioloxía ( o meu subconsciente tira sempre pola Ciencia) e estudar 4 temas, está pensando en que ten que facelo. Sen embargo, a acción culmina cando o suxeito se pregunta por que ten que facer iso e non, por exemplo, tira-lo libro pola ventá ou ignoralo. Podería encontrar moitos motivos e respostas á pregunta hipoteticamente feita neste caso "Por que teño que estudar isto?": a proximidade dun exame, a abundancia de tempo, para aprobar...Aí está! Isto é pensar.
É evidente que tod@s posuímos esa capacidade, por algo somos os chamados animais racionais. O pensamento é unha vantaxe, somos o escalafón máis alto da evolución, con isto dise todo.
Pero eu vexo un problema. Gordo, ademais. A verdade é que non existe ser humano no mundo que non sexa capaz de pensar. Ninguén pode atreverse a cuestionar iso. A tara que existe non reside na capacidade, senón no feito de non saber usar a razón, que é o que fai posible o pensamento.
Non saber pensar. Desgraciadamente, neste mundo existen persoas que o cumpren. De verdade que con isto non quero dicir que sexan uns inconscientes, senón que, na metade das cousas que fan, non reflexionan cando si deberían facelo. Por iso o título, robots. Son seres cuxas vidas son pensadas polos demais, non teñen capacidade de facelo por eles mesmos. E isto pode explicar moitas cousas, como, por exemplo, a falta de personalidade ou a tendencia dalgunhas destas persoas a copiar a vida dos demais por non seren capaces de construír a súa a partir deles mesmos. Do que pensan cando senten, ven, observan ou transmiten.
Todo isto vén a conto de que hoxe acordeime da xa máis que coñecida manifestación do 15M, na que un cartel rezaba algo así como "Somos unha xeración que pensa". E logo que pasa, que o resto non? Claro que si, reitero que somos seres humanos. Pero estou ao 100 % segura de que o/a que escribiu iso referíase claramente ao concepto de pensar que espuxen nas anteriores liñas. Pensar conleva reflexionar. Neste contexto, pensar conleva observar e reflexionar: observar a situación do país, reflexionar sobre ela e tentar amañala. Isto é pensar.
Por iso me resulta tan triste que moita xente, ben por indiferenza, por educación recibida ou polo que sexa, non saiba ou non queira reflexionar sobre o mundo que a rodea. Co fácil que é preguntarse por que? para darlle algo máis (só algo) de sentido a este xogo chamado vida.
Non sei se se comparte a miña opinión, pero estou convencida de que isto de saber pensar tamén está ligado ao amor propio e ao orgullo dunha persoa. Poñamos por caso que alguén ten algo (que vivan os indefinidos!). A ese alguén quítaselle, sen razón aparente, ese algo. A ese alguén non lle parece ben, e:
Opción 1. Loita por recuperar ese algo. Non sabe se o conseguirá, pero por confianza e forzas que non falte o intento. Este suxeito acaba de pensar no estrito sentido da palabra. Trala reflexión, e tras descubrir que detrás de todo iso non hai unha razón aparente (cométese unha inxustiza), decide loitar e recuperar o que é seu. Esta persoa, ademais, ten amor propio e reivindícase.
Opción 2. Dóelle perder ese algo, mais en parte séntese indiferente. Chega á conclusión de que lle dá igual perdelo, total, non merece a pena, o feito feito está. Este suxeito non sabe pensar porque non reflexiona sobre o que realmente lle convén, e opta con tragar co que hai. Así non se pode loitar por combater unha inxustiza.



Aquí espoño o meu exemplo xenérico do que supón o feito de saber pensar na nosa sociedade. Por iso me gustaría incitar a todas as persoas que, se se senten identificados co exemplo número dous, traten de cambialo inmediatamente. Tanto no ámbito do día a día coma, por exemplo, no da política. Sexamos verdadeiramente racionales. Recordade que hai moita xente neste mundo (de sobra cabe dicir que os políticos o fan) que se aproveita de que, en xeral, o ser humano non SABE pensar. E crédeme, de ser así, farán con nós o que queiran en tódolos ámbitos. Agora e sempre.









No hay comentarios:

Publicar un comentario