jueves, 30 de agosto de 2012

Satélite incansable

A Lúa é o satélite natural do planeta Terra e o quinto máis grande do sistema solar. Ten unha superficie de, aproximadamente, 38 millóns de quilómetros cadrados e experimenta, ao igual que o planeta que custodia, movementos de rotación e translación. É a responsable principal das mareas, xa que exerce sobre a Terra unha lixeira forza atractiva que provoca o movemento da masa de auga e, por conseguinte, a subida e baixada da mesma. As olas seguen o mesmo patrón.
A forza da gravidade lunar é de 1.62 N/Kg, moi inferior á que se experimenta no planeta Terra, de aproximadamente 9.8 N/Kg.  De aquí se di que se alguén vai á Lúa, verá como o seu peso diminúe considerablemente respecto ao que ten na Terra. Sen embargo, isto non quere decir que o suxeito adelgaza no satélite, senón que, simplemente, e sen variar o seu índice de masa corporal, vese atraído por unha forza menor.
Deixando os datos físicos aparte, a Lúa sempre provocou certas inquedanzas no ser humano. Unha delas é a suposta teoría que defende que provoca certo comportamento de maldade nas persoas, cando nos mostra toda a súa cara e luminosidade, é dicir, cando está chea. Esta condición alimentou lendas coma a do home lobo (un home normal e corrente que se transforma no animal cando hai lúa chea) ou, sen ir máis lonxe, a do asasino da novela Plenilunio, que comete sempre os homicidios baixo a luz intensa do astro.
A Lúa tarda o mesmo tempo en dar unha volta sobre si mesma que arredor da Terra, polo que estamos vendo sempre a mesma cara. Este efecto fixo que dende o noso planeta non se puidera ver a chamada "cara oculta da Lúa" ata 1959, ano no que unha sonda automática fotografou por primeira vez aquel lado descoñecido.
Fotografía da cara oculta da Lúa


Contos, poesía, novelas, cancións e moitas outras cousas máis adicaron algunha vez a súa temática á Lúa. Incluso Michael Jackson se acordou dela ao crear o famoso paso de baile coñecido como "Moonwalker", que emula as condicións gravitatorias do astro. A Lúa é un elemento bastante frecuente na literatura infantil, mesmo incluso se di que hai un galego por alí.
O recentemente falecido Neil Armstrong foi a primeira persoa que pisou a superficie lunar. O 20 de xullo de 1969, a nave Apolo 11 realizaba con éxito a súa aterraxe sobre o astro. Poucas persoas máis tiveron o privilexio de viaxar á Lúa, mais os expertos afirman que, a longo prazo, será factible que a xente de a pé poida subirse a unha nave dirección terreo lunar.




"Un pequeno paso para o home, pero un gran salto para a humanidade!"


Como último apuntamento, destacar que Google incluíu o satélite na súa aplicación "Google Earth". Alí, os internautas pode exploralo ao seu gusto.

martes, 28 de agosto de 2012

Anticipando

O Presidente da Xunta de Galicia saiu hoxe en rolda de prensa para anunciar que adianta as eleccións autonómicas ao día 21 de outubro de 2012, coincidindo coas do País Vasco. A noticia non fixo máis ca debuxar sorrisos e provocar suspiros de tranquilidade no goberno central de Madrid, pois a artimaña está, canto menos, moi ben pensada.
A xente está sentada nas súas casas, impasible ante o furacán que se lles vén enriba. Un rescate de dimensións inconmesurables aproxímase mentras os medios de comunicación se enchen a boca con palabras coma "rescate lixeiro" ou "condicións óptimas". Un, cada vez máis, van intento de calmar á poboación.
Avecíñase un ano moito peor ca o presente, máis recortes, menos prestacións, máis capital, menos persoas. Chegamos ao extremo no que xa non importa que alguén morra ás portas dun hospital polo feito de non ter papeis no Estado Español, no que miles de estudantes se ven asoballados polos estratosféricos prezos das matrículas universitarias e a retirada inminente das becas, no que, por primeira vez en moito tempo, funcionarios e funcionarias de todo o Estado se botan á rúa para dicir: "basta, estades chegando demasiado lonxe".
O Goberno sábeo, sabe que a poboación civil está queimada, e que iso pode ter repercusións directas para eles. Nun movemento estratéxico, as eleccións de Galicia pasan de ser en marzo de 2013, a outubro de 2012. Unha gran xogada do líder Feijóo que, sabedor das reaccións que vai ter sobre a xente un máis ca seguro rescate, realiza a maniobra perfecta para conservar (ou incluso aumentar) os votos. Se a isto lle sumamos a feira sen sentido que se está armando no Bloque Nacionalista Galego, no que os seus integrantes parece que se esqueceron do obxectivo común que todos eles compartían e decidiron escindirse en absurdos camiños, o resultado está máis que claro. E non fai falta ser un adiviño.


Eu non digo nada, pero dígoo todo: cando un gobernante adianta as eleccións para conservar votos, non quero nin saber a que se nos vén enriba en 2013. Algo que, ben sabedor é o noso Presidente diso, podería facerlle cambiar de opinión ao pobo respecto ao seu voto, ata agora, "máis ca claro".