sábado, 4 de abril de 2015

Vivir para sempre

A primavera chegou explosiva, coma o aire que entra pola ventá golpeando fortemente as cortinas, tirando todo polo chan. Un sol maxestuoso reinaba sobre un ceo azul cheo de marcas dos avións, facendo a promesa dun verán ao que cada vez lle quedaba menos por chegar.

O aire cálido de abril abaneaba árbores e flores, xa en tempos de polen, facendo da paisaxe unha escena idílica digna de fotografar e á que, por certo, non lle era necesario ningún filtro de Instagram. Iades os dous de paseo, collidos da man, e mirábalo a el, cos seus 21 anos, tan xovial e perfecto. Xa lle empezaba a asomar algo de barba, o tempo pasa para todos, pensaches. A pesar diso, aínda quedaba algo de neno naquel rostro de home e naquel sorriso que che facía temblar...

Espertas. A choiva bate contra os cristais. 04.35 da noite. Palpas o outro lado da cama, pero el xa non está. Levas durmindo sen compañía 7 anos e 4 meses, e a pesar da súa marcha, consegues retomar o sono cando te percatas da súa foto, que te mira impasible dende a mesiña.